Adicado:
a Xosé Maria Álvarez Bláquez |
|
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
|
BIOGRAFÍA |
|
Contra 1930, Xosé María publica os seus primeiros poemas en xornais de Pontevedra e Tui, e en 1931 empeza estudos de Maxisterio; no ano seguinte publica Abril, primeiro libro de poemas, en castelán, e funda, con Xoán Vidal Martínez, a revista Cristal. En 1933 ingresa nas Mocedades do Partido Galeguista, e no ano seguinte, por suxestión de Alexandre Bóveda -seu curmán por matrimonio- organiza en Pontevedra un acto conmemorativo no que pronuncia o discurso Berro en lembranza dos herois de Carral, inmediatamente impreso pola Federación de Mocedades. En 1935 ten o seu primeiro destino como mestre na Guarda. En 1936, feitos os vinte e un anos, ingresa no Partido Galeguista, é destinado en Vigo, remata o libro de relatos Os ruíns, empeza a estudar Filosofía e Letras. En xullo, o pobo republicano de Tui resiste heroicamente a rebelión militar; na cabeza da resistencia está o doutor Darío Álvarez Limeses, que será fusilado o 30 de outubro polas autoridades traidoras xunto con outros cinco camaradas. Xosé María é sancionado e desterrado á escola de Coreses, na estepa zamorana, pero non toma posesión porque ten que servir no Hospital Militar San Caetano de Santiago. Volto á vida civil, exerce como mestre en Coreses
ata que en 1941 pide a excedencia voluntaria e se instala en Vigo para
montar, con seus irmáns, unha fábrica de tellas e ladrillos
en Nigrán, que tivo que pechar en 1945. Neste ano empeza a traballar
como secretario na confraría de pescadores de Vigo, e queda finalista
no I Premio Nadal de novela con En el pueblo hay caras nuevas. A finais
de 1946 casa con María Luísa Cáccamo Freiben, coa
que tería seis fillos: María Luísa, chamada Colorín,
que morrería mociña; Xosé María, o gran poeta;
Alfonso, poeta tamén, e sobre todo fecundo e hábil narrador;
Helena, actriz de teatro independente na súa primeira mocidade;
Celso, filólogo e poeta; e Berta, a magnífica pintora. En 1952 publica en Galaxia a súa monumental escolma da nosa poesía medieval clásica. En 1953 ten un dos seus maiores gozos da súa intensa vida de arqueólogo: o descubrimento dun rico conxunto de estelas funerarias romanas que hoxe enriquecen o Museo de Castrelos. Empeza a colaborar na radio, actividade na que seguiu ata case a fin da súa vida en diversos programas. En 1954 publica o fermoso Romance do pescador pelerino, e obtén o premio Pondal do Centro Galego de Bos Aires polo libro de poemas Canle segredo, que infelizmente tardaría máis de vinte anos en publicarse. En 1955 e 1956 publica dúas novelas en castelán, Las estatuas no hablan e Crecen las aguas. Son anos de intensa actividade literaria e publicística dirixida a complementar os seus pouco abondosos ingresos; gaña diversos premios literarios: o Galdós e o López Cuevillas de novela, o da Asociación da Prensa de Vigo por un traballo sobre Martín Codax, o Ramón Mourente por outro sobre Francisco Añón, tres premios dun golpe nos Jogos Florais Minho-Galaicos de Guimarães... Participa en congresos e encontros científicos, principalmente en Portugal. En 1959 sae a súa importantísima escolma da poesía galega dos séculos escuros, e en 1962 é elixido membro numerario da Academia Galega, na que ingresará en 1964 cun discurso sobre Cantares e romances vellos prosificados. Neste ano funda tamén con seus irmáns as Edicións Castrelos, que comezan a publicar a colección Cuadernos de Arte Gallego, gran novidade na época. A principios do 1966 trasládase a Oviedo como axente de vendas de Pescanova, e en setembro leva a familia. Pero ó descubrise a mortal doenza de Colorín -un cancro do sistema linfático-, ó ano seguinte volven para Vigo, quizabes por estar cerca do irmán médico. É daquela cando, na procura da subsistencia, Xosé María se profesionaliza como editor, creando as coleccións O Moucho e Pombal. En 1968 empeza tamén a traballar como profesor contratado no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro de Vigo, chamado Escola Náutico-Pesqueira, praza que consolidaría por oposición en 1970. En 1969 viaxa á Arxentina, invitado polo Centro Galego de Bos Aires, e desde alí vai a Caracas, onde reside o seu sobriño Darío Álvarez Gándara e o seu querido amigo Celso Emilio Ferreiro, e a Miami, para ver a seu curmán o escritor Xerardo Álvarez Gallego. En 1970 morre Colorín. Os derradeiros sesenta e os primeiros setenta son anos
de grande actividade editorial, nos que Xosé María converte
as Edicións Castrelos en símbolo e instrumento da popularización
do libro galego que forma parte do proceso político que vive Galicia
naqueles mesmos anos, coa organización política do novo
nacionalismo galego e as súas densas ramificacións culturais.
Á parte do seu labor editorial, Xosé María participa
de varios modos neste florecer, ditando maxistrais conferencias, como
por exemplo a que pronunciou na Asociación Cultural de Vigo o 22
de decembro de 1972 sobre a cultura dos castros, na que conxugaba o severo
rigor científico coa máis afoutada arenga política. En 1977 a súa muller María Luísa sofre unha meninxite que a pon ás portas da morte, e que acaba deixándoa totalmente xorda. En 1979 morren seu irmán Darío, e seu outro irmán Celso Emilio Ferreiro. Nese mesmo ano, carecendo de continuadores, Xosé María véndelle os fondos de Edicións Castrelos a Galaxia. Pensaba dedicar o tempo suplementario a ordenar e preparar para a edición todos os seus achados literarios dos Séculos Escuros, pero por unhas cousas e outras isto non foi posible. Diversos honores esmaltan os que xa eran os derradeiros anos da súa vida, entre eles o Pedrón de Ouro no ano 1981. En 1982 imprímese o seu libro Alexandro Bóveda. Apunte biográfico, nunha edición que logo non foi distribuída polo editor, e que só se divulgaría realmente, en nova edición póstuma, unha década máis tarde. Neste ano escribe o poema Solpor, verdadeiro diamante da lírica galega. En 1983 xubílase como mestre da Náutico-Pesqueira, e pecha simbolicamente a candidatura do Partido Galeguista nas eleccións municipais de Vigo. Pero xa estaba moi enfermo, e non puido traballar máis. O 2 de marzo de 1985 morre en Vigo, por culpa da afección cardíaca que padecía desde había anos. Na súa madurez, Xosé María era un
home de mediana estatura, un pouco groso, pero moi áxil de movementos,
e de moita habilidade manual; ademais do piso na Gran Vía de Vigo,
tiña unha casa na praia de Coruxo onde traballaba de albanel ou
de carpinteiro, por aforro e por gusto. Andaba moi dereito sen tesura,
e daba sensación de elegancia en calquera situación. O tempo
prateáralle os cabelos rizos, e fixéralle xa cedo dúas
fondas entradas que nunca chegaron a converterse en calva. Tiña
un fermoso nariz curvado, e era en conxunto un home guapo. Padecía
ictiose, unha doenza conxénita que se lle manifestaba nunhas como
escamas na pel das mans, e que el por brinqueta atribuía a que
os Limeses, coma os Mariño, son unha estirpe descendente de sereas
do mar. Máis lle deu que facer a diabete, que o atormentou bastante
nos derradeiros anos. Fora quedando bastante xordo, e precisaba audiófono,
que levaba integrado nas lentes; pero algúns días oía
mellor ca outros, e gustáballe moito conversar: falaba moi ben,
e tiña un luído sentido do humor. Era moi cordial e xeneroso
do seu tempo coa xente nova que acudía a el atraída polo
seu saber e o seu galeguismo. Bebía máis ben pouco, pero
gustáballe moito o viño bo, especialmente o branco do Condado
"con albariño, treixadura e loureira", e mais se o acompañaba
cunhas ostras na Pedra. Na casa de Coruxo, que tiña unha gran parra,
facía unha purrela espantosa que bebía por disciplina. Comer
tamén lle gustaba bastante, e asaba moito ben os chourizos na cheminea,
que el pronunciaba sempre «cheminé». Fumaba un paquete
de ducados ó día. O seu carácter era en xeral apracible,
pero ás veces entrábanlle unhas cóleras formidables.
Infelizmente, tivo que traballar moito para subsistir con dignidade el
e mais os seus; non gozou "nin buscou" ningún privilexio
nin sinecura que lle permitise dedicarse integramente ós seus estudos.
Amaba sobre todas as cousas a súa muller, os seus fillos e os seus
irmáns, e tivo algunhas amizades especialmente fondas, coma as
de Celso Emilio Ferreiro ou Pedro Díaz. Mantiña vivo o odio
a Franco coma o primeiro intre, e foi sempre fiel ás súas
conviccións galeguistas e republicanas, cunha inclinación
sentimental cara á esquerda e unha simpatía instintiva polos
pobres do mundo. |
|
Voltar |
|